É fermosa a grafiá. Letras soltas, arredadas entre si, reivindicando espazo própio. Man de artista. Diferente sistema para maiúsculas e minúsculas. E unha nota que dí: Quería escreberche, mais dende o Puerto non podían escreberse verbas en eúscaro, e deixeino.

        Puerto é Porto de Santa María. Para os vascos, cadea.

        Non podían escreberse verbas en eúscaro. E dicer, non podía escreber verba algunha en eúscaro. Nin xiquera un queroche, ou un deica logo, ou un adeus, ou un unha apreta dentro dun texto castelán. Nin xiquera como formalismo social. Proibido ter intimidade. Porque o eúscaro sempre é clave. Mensaxe cifrado. Impenetrabel para o carceleiro. É belido o noso idioma. Moito máis no bico dun preso. Inaturabel.

 

                fica proibido escreber

                cartas en eúscaro

 

                coidamos que porque o dianteiro diretor era coxo

                e birrábanos

 

                sigue o encouto malia que o diretor é novo

                e o goberno socialista

 

                din que porque os censores

                non entenden eúscaro

 

                non é posibel que ti non saibas castelán

 

        Deixouno. Antepuxo non comunicarse a ter que facelo en clave condecida. Así é a vida do preso. Deixarse espir denantes de denuarse un mesmo. Deixar de comer para poder viver.

        Chegoume a carta en Xuño do 85, por meio do Descoñecido de sempre. Con ela viñan istes poemas. En eúscaro. O preso aproveitara un traslado, outorgado por problemas familiares, para desencovar o material.

        Un traslado eisixe pouco bagaxe. Hastra a equipaxe dun prisioeiro é sobexa para unha mudada temporeira. Hai que carregar somentes co meimiño. Entre o imprescindibel, trouxo istes poemas galegos versioados en longas horas de illamento.

        É fermosa a letra, e regrada. Cicáis escrita nun entre de acougo. Só unha frase escrita en cursiva, cicáis engadida ó reler o que escrebera: Mándochos para que os leas. Línos, e entre eles había poemas dabondo que eu non coñecía. Quero dicer que o preso tiña, após o muro, un fondo coñecemento da poesía galega.

        Costounos ferro e fariña achar alguns orixinais galegos. Non é certo que na cadea un teña tempo para todo, non entenda o lector que conquerir, ler, traducir poemas galegos é un exercicio ximnástico para engaña-lo tempo. É unha laboura perigrosa e necesaria, porque o preso aquece na poesía unha caroal mantenza para a supervivencia. Porque a poesía axuda a ser ceibe.

 

                xamais houbo paraguas na cadea

 

                aquí non hai fronte nin costas

                senón treitos couteladas polas paredes

                podese ollar si hai nubeiros

                sempre é azur a cóor da nada

 

                a treboada valeirouse nun mar

                i entón escrebín poemas náufragos

 

        Así os recebín, como carta de náufrago. Mensaxe dun poeta que se atopou con alguns dos seus poemas escritos xa por outros poetas. Dende a traseira do muro chegaron hastra nós. Nobre viaxe. Seis anos despois, ofrendámolos como múltipre homenaxe na celebración do... Día das Letras Galegas. Transmitimos aquela forte apreta ca que remataba a carta das fermosas verbas coutadas. Así adoitan fíndar as epístolas dos condeados. Dándonos vida.

 

Koldo Izagirre