Un rumor debaixo dos pés

Gara Kondu chegou á cidade a primeiros de marzo. O fado levábao para varrer as rúas ou limpar retretes públicos. Un camioneiro deixouno no centro da cidade. Ía frío. Ía frío nas caras da xente, vestida con grosos abrigos de coiro. Ía frío na pel de Gara Kondu. Ergueu o colo do seu gastado abrigo para tapar o tee-shirt amarelo de manga curta.

A rúa era ancha, unha avenida; os olmos enfermos medraban nos paseos, e non daban sombra; tampouco non ía sol. Só infindas nubes deformes entre os edificios. Sentouse nun banco verde de pao. Antes de media hora, sentiu ó carón da súa bolsa o tinguileo das moedas no asfalto. Axiña empezou a chover. Gara Kondu seguiu a foula de xente e meteuse debaixo do chan.

A temperatura agradable e a posibilidade de deitarse foron as vantaxes que viu no metro. Pasou nel case todo o día, mirando para os trens que pasaban sen acougo. Mirando para as xentes que baixaban dos trens, que os vagóns golsaban. Os que se sentaron ó carón del ofrecéronlle unha botella de viño. Despois duns grolos adormeceu profundamente.

-Oes ti, negro -oíu, e non puido calcular canto tempo pasara. O que lle abalaba o ombreiro pasoulle o aviso mastigando as palabras-: Vámonos de aquí, os polis están a chegar.

Saíu canda eles. Fóra era noite xa. Os outros separáronse sós ou en parellas, sen el saber para onde. Volveu para o banco verde onde estivera pola mañá. Era de noite. Non tiña sono.

Chegaron as primeiras horas da mañá. O ceo mesturaba en cambios crus as colores máis crueis, e non se podía adiviñar como sería o día. Un ceo espacioso cheo de raxadas de sol alternaba con fatos de nubes estrañas. Os paxaros empezaron a cantar de pronto nas gaiolas das fiestras e nos olmos da avenida.

Abriuse un portal. Unha muller pequena e groliza tirou cun caldeiro cheo de auga escumosa no paseo. Zarrapicou os zapatos deportivos, outrora brancos, de Gara Kondu. A muller mirou con atención o negro acuruxado co frío, deitado no banco, antes de volver cerrar a porta. Un tras doutro, os veciños foron saíndo para a rúa.

Ía frío. Abriron unha panadería, non lonxe de alí. Achegouse. Entrou, quitou as moedas que gardaba no peto e extendeunas no mostrador. Sinalou cun dedo longo e nervioso a cesta dos bolos recén sacados do forno. Sen sorrir, a rapaza recolleu as moedas que lle correspondían e deulle o pan a Gara Kondu. Estaba quente. Tamén estaba quente a panadería. A rapaza pasou un capizo polo mostrador.

Outra vez na rúa, camiño do seu banco, rescatou unha revista dunha papeleira. Folleouna mentres lambía o pan durante un bo cacho. Un pouco máis tarde, apareceron os varredores vestidos de verde. E Gara Kondu, fose para non estorbarlles no traballo, fose por respecto, ergueuse e meteuse no metro, como fixera o día antes.

Cando chegou a tarde, a xente comezou a volver para as casas. Poucos se decataron de que o negro que pola mañá estaba sentado no banco seguía no mesmo sitio. Non lles gustou. Coa ollada perdida nos edificios que tiña diante, a fría treboada de vento cambiaba de temperatura nos soños de Gara Kondu. Vía un adolescente que asomaba a cabeza por entre as teas. Cubría a cara con aqueles brazos de longos músculos para que a area non se lle metese nos ollos. Detrás del, un dos anciáns faloulle:

-Vaite ti tamén, se eso é o que queres.

E deixou caer a tea. Dentro da tenda, os vellos respondíanlíe á treboada asoprando en frautas de pao; tódolos máis aplaudían ritmicamente, as mulleres lanzaban pequenos berros. Gara Kondu quedou nun recanto, calado. E o sono, na cidade, estendéuselle deica as pálpebras. Meteu as follas da revista debaixo do abrigo e adormeceu.

O rumor espertábao tódalas mañás daquel sono sen soño. Marchaba antes de que a muller aparecese na cociña. Había unha calella máis aló; mexaba entre as bolsas de lixo e agardaba dereito na escuridade. De vez en cando, achegábase un gato e fregáballe o lombo contra as pernas. Despois, ás veces, volvía para o banco, ou para debaixo do chan. Sentado en calquera sitio, pechaba os ollos. Rosmaba algo. Suspiraba, e abría os ollos de novo. Tiña frío desque chegara á cidade. Tiña frío desde había moito. Sentiase vello.

-Documentación -pediulle unha voz con ton autoritario.

Metérono no coche celular. Cubriron unha ficha na comisaría. Unha ficha sen nome, inclasificable en calquera ficheiro. Horas despois, perdeu a memoria. Espertou no corredor dun hospital ateigado de camas e enfermos. Ergueuse e saíu. Estaba de novo na rúa, na cidade. Só. Viu un río. Rúas estreitas e amplas avenidas. Parques cheos de árbores e camiños sen adoquinar. Seguiu ó sol unha vez máis. Sentouse en moitos bancos. Recibiu caridade sen agradecemento, coma se fose un costume eterno entre a xente. E un día chegou ó seu banco.

A muller pequena espertouno de malos modos ó amencer.

-¡Fóra! Fóra de aquí ou chamo a policía.

Marchou para a calella. Aniñouse sobre dos cotobelos. Tiña diante del o xefe dos anciáns:

-¿Cando marchas?

-Axiña.

-¿Antes da treboada?

-Si, antes da treboada.

As moscas zoaban dentro da tenda. Pousábanse no nariz de Gara Kondu, nas pálpebras do ancián. O vello quitou un coitelo do zurrón. Gara Kondu estendeu o brazo. Un ataño de barro no medio dos dous. O vello bebeu do sangue vertido no ataño, meteu os dedos no pouso e trazou un círculo na fronte de Gara Kondu.

-Que o espirito da treboada nos guíe -dixo o ancián.

-Que o rumor farte o meu estómago.

E marchou para chegar a aquela calella. Non había sol. Sentiu berros que viñan dunha pequena fiestra. Outros máis fortes responderon. Algo caeu nalgures. Alguén chorou. Por tras dunha porta apareceu un gato. Gara Kondu ergueuse e volveu para o banco. Dous ollos axexaban para el tralas cortinas.

Un coche parou no outro extremo da rúa. Baixaron catro mozos. Gara Kondu seguía folleando a revista. Os catro mozos rodeárono.

-¡Escoita, cabrón! -díxolle o primeiro-, volve para a túa casa.

-¿Non oes ou que? ¿Hai que che limpar as orellas, puto porcallán? -engadiu o segundo.

-Se non liscas terás noticias de nosoutros -terminou o terceiro.

O cuarto non dixo nada. Un aceno, e volveron para o coche atravesando a rúa. Arrincaron violentamente. O automóbil marchou estarabouzando, e deixou a rúa tranquila, senlleira.

Gara Kondu afastouse de alí, pasou todo o día devanando polas rúas. O ceo era sempre de chumbo. A rúa, grisalla. Lonxe de alí, no deserto, a treboada petaba polo Leste. Dentro das tendas, os anciáns tocaban as frautas producindo un intenso rumor. Os mozos acompañaban o rumor aplaudindo ritmicamente nun círculo pechado. E as mulleres lanzaban de vez en cando berros pequenos e agudos. A area erguíase en remuíños, cubrindo o ceo azul. Quizabes algún mozo axexaba para fóra erguendo as teas. E marcharía do pobo algúns anos máis tarde, pois o rumor do seu estómago tería fame.

O outro día pola mañá, un círculo de pintura vermella rodeaba o banco onde estivera Gara Kondu. Sentouse nun extremo do banco, espectante. O rumor pasaba por baixo dos seus pés. Sentía frío tralas pálpebras, mesmo canda pechaba os ollos. Os coches pasaban de cada ponco. A xente saíu máis tarde da casa, e os que saían non levaban présa.

Apareceron uns nenos correndo. Mirounos con estrañeza. Entraron no cine que había no barrio, e a rúa recobrou o seu silencio. Un mozo que fumaba un cigarro pasou máis tarde por diante do banco. Contra as seis, pason a vella que daba de comer ós gatos. Anoiteceu de contado.

Os faros dun auto esgazaron a sombra da noite, creando amargos reflexos no asfalto mollado pola choiva. Viña na primeira. Desde fóra podíase oír o ruido da música, o alarido e as risas duns mozos. O conductor parou subindo ó paseo. Abríronse as catro portas. A música encheu a rúa. Gara Kondu ergueuse a modo. Os catro mozos formaron un medio círculo, aldraxando no negro.

Un círculo cada vez máis cerrado arrepuxaba a Gara Kondu cara ó portal onde aparecera a pequena muiler groliza. Petou nos cristais pedindo axuda. Berrou. O seu chiar sentiuse por enriba da música do coche. Un dos mozos achegóuselle, e chantoulle a primeira coitelada na vao. Despois achegáronselle os outros tres. Machacáronlle o óso do pómulo cun puño de ferro. Unha pequena cachiporra caeulle con forza na sen esquerda. Cesaron os berros. Na casa de diante alguén abriu unha fiestra e pediu paz.

Agarraron a Gara Kondu polas pernas e arrastrárono ata o seu banco verde. Metéronse no coche a toda présa, e arrincaron antes de pechar as portas. Por fin reinaba a pesada calma das tardes dos domingos.

O luns, a señora que limpaba a cociña do 110 bis tirou un caldeiro de auga e xabón á rúa. A auga esforzábase por mesturarse co sangue seco de Gara Kondu. A señora estrañouse de ver o negro durmindo debaixo do banco. Empezou a achegarse a el, enfadada, e só daquela se decatou de que quizabes puidera estar morto. Pálida, comenzou a berrar chamando pola policía. Os veciños saíron ás fiestras, á rúa, os curiosos arremuiñáronse ó redor do banco. Por baixo deles, coma tódolos días cada diez minutos, pasou o metro, atravesando a avenida no medio dun mudo rumor. Ese día tamén, o esforzo do sol por atravesar o muro de nubes grises foi insuficiente.

© Mikel Antza
© itzulpenarena: Iñigo Aranbarri, Darío Xohan Cabana


www.susa-literatura.eus