Petite bohême

O poeta pediu outra cervexa engadindo cando poidas. Colleu delicadamente un guardanapo de papel, quitou as pingas de escuma da barba e premendo o bocadillo coas puntas dos dedos da esquerda largoulle os dentes. Dentes ben igualados. Achinou os ollos. Este puto escabeche, dixo, botando ó chan o guardanapo mentres masticaba aquela pasta, enfadado.

A taberna estaba chea de xente. Unha xove de pantalóns curtos xogaba na máquina, soltaba unha gargallada cada vez que eliminaba un extraterrestre. Ós poucos oíanse as notas dun xilófono que tocaba un vagabundo chepudo. A Internacional. O poeta ergueu o puño. Triste obreiro, cantou, engadindo ¡Aresti putamerda! Un camareiro baixou a persiana, comezou a recolle-las banderillas. «Zizka-mizkak», podíase ler como cabeceira do listado na pizarra da parede. Comezaron a varre-lo serrín cheo de palillos, guardanapos e restos de comida. O chepas ía de grupo en grupo mostrando un saleiro vacío, o poeta botoulle unha de cinco pesos. Quedáralle un resto de serrín no zapato esquerdo. Atrás del tiña unha rapaza, eu nacín en Ohio e agora estou aprendendo euskara nun caserío de Bedaio, falou ós tabaos que a rodeaban. O poeta virou a cabeza. Cu caído, pensou. Os homes miraban con atención á xove. Hello, is that Rosemary? This is Walter, dixo o poeta. Hello Walter, how are you? respondeulle. Yes, please, dixo o poeta. ¿Estiveches en Ohio? preguntoulle a americana, mostrando ó sorrir uns dentes máis grandes que os do poeta. O poeta apoderouse da segunda cervexa botando despectivamente a mitade do bocadillo no chan recén limpo. O atún desfíxose sobre a baldosa vermella. Afastouno co pé. Colleu un guardanapo e limpou a mancha de aceite do zapato levantando o pé, sen se agachar. Eu teño un tío en América, dixo un dos tabaos. Pedazo de asno, díxolle o poeta, asno máis que asno, berrou. Volvéronse todos os parroquianos. ¿Imos a un bar? dixo unha das rapazas que estaban co poeta, a do vestido azul. Demasiado pequenos eses ollos, pensou o poeta. Nenas queridas, amádeme denantes que me aburra, fixo un estalo cos dedos da man esquerda, guiñando un ollo. ¿Amar? pensaría encantada a do vestido azul. ¿Aburrir? dixo enfurruñada a amiga da do vestido azul. Cinguidos pantalóns verdes.

O poeta pagou tamén o da americana, saíu polo portal coas dúas rapazas. Collíano de cada brazo. O poeta gardaba as mans nos bolsos da súa chaqueta sport. Pois eu hai tempo que deixei ese deporte, dixo a dos cinguidos pantalóns verdes. Eu xa desisto, dixo a do vestido azul. Deambularon pola parte vella da cidade, un mar de xente xove. Leron un comunicado da asociación de veciños pegado nunha cristaleira. Chamaban caciques e dictadores ó alcalde e o seu partido PNV. Un borracho pediulle un peso. Entraron nunha taberna, antiga carboeira. Había uns arrepiantes lenzos colgados nas paredes. Atopábase ahí o autor, vello traxe e chapela. O poeta acercouse a un pequeno lenzo, achinou os ollos. Sacou as gafas do bolso interior da súa chaqueta sport e levounas ós ollos con grande coidado, sen calalas nas orellas. Achegóuselle o pintor, pero o poeta veu cara a barra, atento ó qué queres das rapazas. Champán, a bebida dos suicidas, dixo. Tamén estaba alí a americana, nunha mesa, con dous daqueles tabaos. Lucía un nuclear non gracias no xersei. O poeta pediu tabaco rubio. Fixouse no champán, fixo un comentario sobre a color. Que moreno estás, díxolle a dos cinguidos pantalóns verdes. Agora está mellor co pelo curto, dixo a do vestido azul, dando co cóbado á dos pantalóns verdes cinguidos. O pintor estaba devolvendo a peseta na chapela, que sostiña nas súas mans. Pura arte, dixo o poeta.

Se queredes, eu teño unhas botellas de Armagnac na casa, dixo por segunda vez a dos verdes cinguidos pantalóns no preciso momento en que o poeta topaba co seu sexto admirador. As rapazas seguiron adiante deica a esquina da rúa. O poeta veu dobrando uns folios e gardándoos no bolso interior da súa chaqueta sport. Entón qué, algo máis contento, díxolles o poeta ó que chegou. Collámo-lo coche, dixo unha das rapazas. Entraron no aparcamento subterráneo, pasaron media hora buscando o coche. Ten que estar aquí, dicía teimosa a dos cinguidos pantalóns verdes. Velaí está, dixo por fin, tedes que ver unha cousa, e abrindo o maleteiro dun coche branco sacou un lenzo. Feito onte mesmo, mentres o levaba á luz. Está en Usurbil, explicou, o caserío é maravilloso, aínda que está medio derruído. Entraron no coche, o poeta e a do vestido azul atrás. Dirixíronse a un barrio extremo da cidade. Non pensedes que o levo para mostrar ¡eh!, dixo a chófer. Os de atrás non responderon. E máis tarde ó poeta, para ollar o meu non sacáche-las gafas, ¿eh?

Diante da boîte había unha longa fila de coches, tocando a bucina. Os dun Coupé descapotable estaban a falar cun futbolista do equipo local, cortando o paso. A chófer coñecía ben ós futbolistas. Baixou a ventá e berrou ¡suplente, alcornoque, pataputa! O futbolista virou a cabeza. Achegouse tranquilamente, sorridente. Tiña unha cadea de ouro no pescozo. ¿Seica se non pode falar cun amigo?, díxolle cunha voz suavísima. A chófer fíxolle o xesto das tesoiras cos dedos e arrincou facendo renxer as rodas.

O poeta era coñecido e entraron gratis. A sala de festas estaba a tope. A do vestido azul pediu a bebida dos suicidas. Fixo unha carantoña de desprecio á marca que lle trouxeron. Se queredes eu teño Armagnac na casa debía ter falado aquela dos verdes cinguidos. Con esta luz vermella estás máis guapo, dixo a do azul vestido. Eu fun guapo, exclamou o poeta, faut-il qui m'en souvienne... Abriu o champán, a escuma verqueuse. Con gusto bailaría, dixo a vestida de azul. O poeta deixou a copa na barra, agachouse extendendo os brazos por detrás da rapaza e levantouna en peso. A rapaza deu un berro louco e derramou o champán da copa que tiña na man. O poeta levouna en brazos ó dancing. Eu non mo perdo, dixo a dos cinguidos pantalóns verdes, e foi tras deles. Dalí a pouco volveron os tres. A dos cinguidos fixo un desenganado encoller de ombros. Demasiada xente, dixo a do vestido. O meu é o tango, fixo saber o poeta enchendo de novo as copas. A gramola tocou unha trikitrixa. Apagaron as luces. A xente comezou a saír. Subiron á rúa. A noite é curta en demasía para un poeta, dixo o poeta brandindo a botella de champán medio valeira. ¡Non quixera que a noite se fixese día, ho como é triste este declinar!, declamou o poeta, Lizardi putamerda. Ían polo paseo a carón da praia. Nin futbolista nin nada, ese non sabe máis que dar patadas, dixo a dos cinguidos pantalóns verdes. Adiantounos unha rapaza miúda, adeus, dixo. O poeta sacou as gafas do bolso interior da súa chaqueta sport. calounas, adeus, adeus, dixo. Ai, non sabes que tranquilidade me das, dixo a do vestido azul. O poeta enarcou as cellas. Agora sei que cando non me saúdas pola rúa é porque non me ves, explicou a rapaza, estaba xa case resignada. A min os ollos verdes gústancheme ben, dixo a dos pantalóns verdes. O poeta baixou as escaleiriñas da praia. Sacara os folios que aqueles seis admiradores lle foran dando, líaos en voz baixa e apertando os dentes collía coa dereita os papeis que tiña na esquerda e dicindo ¡putamerda! facía deles unha pelota e botábaos coma se fosen pedras. As rapazas seguíano. O poeta quitou os zapatos con gran coidado, colleunos na man, e foi cara á auga. A americana apareceu co que tiña un tío en América, cun saco de durmir ó lombo. O poeta íase metendo na auga, a marea cubríalle ata os xeonllos. As rapazas alarmáronse. O mar cubría ó poeta ata a cintura. Ten que estar morna, falou nerviosa a dos cinguidos verdes pantalóns. Ímonos bañar, ordenou a do vestido azul. ¿Bañármonos de noite?, eu non teño bañador, e ademais, ¿como nos imos secar logo?, a dos verdes cinguidos. O mar cubría ó poeta ata o pescozo. As rapazas asustáronse. O mar está nubrado deica a barra de Baiona... ¡Euskadi putamerda! cantaba a grandes voces. Penso que nos poden deter, dixo a dos pantalóns. Ho, se eu me bañase agora faría a tolería máis grande da miña vida, respondeu a súa amiga. O baño so-estrelas é imprescindible denantes de facer o amor, berrou o poeta dende o mar. Abriron un par de sillas e deixaron sobre elas os pantalóns, o vestido, a camisa. Coxas delgadas, houbese pensado o poeta. Alonxáronse correndo á auga, brancos na noite slips e sostenes. Deron un berro, e zambulláronse de cabeza baixo as ondas. Pronto non se viu máis que tres pequenas cabezas. A americana estaba deitada onda un monte de sillas pregadas, co sobriño do americano. Había un grupo de xoves máis alá, arredor dunha fogata. Alguén tocaba unha guitarra. Velocísimos cans atravesaban a praia de punta a punta. As rapazas chegaron co cabelo pegado á cabeza, empapadas. O poeta viña máis torpe, as súas roupas convertidas en mollada pel, manando mar. Valeiróuno-lo champán, dixo nun berro unha das rapazas. ¡Asqueroso suicida! dixo a voz da outra rapaza. ¡Á auga! dixo o poeta. ¡Á auga! repetiron os tres a un tempo, e seis mohadas gadoupas agarráronme. ¡Putamerda! puiden dicir, e dende o mar, fermoso e ousado, comecei a recitar ó mundo aquel poema que acababa de terminar ó estilo de Pessoa.

© Koldo Izagirre
© itzulpenarena: Xosé Manuel García Crego


www.susa-literatura.eus