Verbas a miña nai

 

Digoche agora, nai, istas razós

porque quero voltarche

aquelas verbas doces como a mel

que deprendín dos teus beizos

cando neno.

 

¡Non teño, nai, a túa tenrura!

 

Eu, que ando empeñado

en ser poeta,

non teño verbas

doces,

sinxelas,

craras,

amorosas

como as verbas

con que tí me arrolache,

miña nai.

 

Cecáis sexa loucura

iste tentar apreixar verbas amantes

pra che facer co filas un cantar.

 

Cecáis

a vida probe que vivín

me secóu a fonte da tenrura

e por iso istas verbas

son secas como seixos.

 

Xa ves:

Non teño verbas

pero teño

un salouco que me enche todo o peito.

 

(Mar Maior. 1963)