Na outa noite

 

O chío alongado do silenzo,

pérdese ao longo das rúas molladas;

o seu fió dourado fura as tebras

e tende un cabo morno ás añoranzas.

 

É a hora do valeiro, a hora dos soños,

en que na alma as verbas acochadas

dúrmense no pombal do pensamento,

recollendo o seu bico baixo as azas.

 

Unha emoción de mar nestes instantes,

meu corazón anoitecido orballa,

e relembro o agarimo dondo e amargo

da túa cabeleira como unha alga.

 

No ronsel do hourizonte, brila o forno

onde tempran seu fío as alboradas,

i engurrúñase a noite nun salaio

domente vai erguéndose a luzada.

 

(Proel. 1927)