Ao reverso da noite

 

Loceiros degolados

desángranse de ouro no Mar

 

    De par de nós

                a Lúa

fai ronseles infecundos

 

    Mentres sonea a mareta

vai folleando no libro das velas

 

Irredentos velamios exhaustos

    resignados a pendurar da cruz

 

    Estrelas inconscientes

mecanizan o obseso tic-tac

 

    A auga toda dos oceanos

ensumeuse nunha bágoa

 

    E o pano branco do novo día

enxugará os ollos do ceo.

 

(De Catro a Catro, follas dun diario de abordo. 1928)