A estrela desconocida

 

Eu vinte decote acobadada

naquela fenestra

                          —tan a trasmán!

    que penduraches dunha constelación

 

O horizonte arrancaba cada día

    pra ti

    a folla de almanaque dunha vela

 

Pero nunca se enmallou

na falsa rede dos mapas celestes

a tua loira virxinidade

 

            Cómplice a noite

            engaiolaba o sestante dos mariños

            inxenuas perversións catalogadas

 

    Viuva reiterada de tódolos vinte anos

que os mariñeiros repiten

cada volta que afogan

    Endexamáis souberon os cadavres sin rumbo

que ti os amortallabas co teu ollar

 

Emproáramos a meia noite

    A sotavento da nosa singladura

vai decote unha nube desarbolada

    Ca sua esponxa de sombra

    borrou pra sempre o teu mudo perfil

 

    A alba nova sorprendeume

cacheando antre os loceiros

unha despedida que se me perdeu.

 

(De Catro a Catro, follas dun diario de abordo. 1928)