Beste hizkuntzetako lanen zerrenda

 

  Tradución: Ricardo Pichel Gotérrez

 

 

Can sen dono

        (Kaleko zakurra)

 

son tan miña como de ninguén

sucédeme o mesmo que ao can

que intenta comer a súa sombra

póñenme nerviosa as cancións de amor

dígoche: os meus dedos están adestrados

no zapping dos diales da radio

cando deixan de ser peites.

 

teño corvos de meu aniñados no meu cabelo

ás veces termo deles coa man

sempre que non volven preto

coma a sombra do can

de feito hai tempo que perdín

a sensación de perda

 

por favor cóntame

cousas que poida esquecer

que fuxan de bolsas afuracadas

desde hai tempo sóbranme perchas no armario

ninguén me chama

desde a cociña ao baño

rodeada estou de cadeiras baleiras

 

son tan miña como de ninguén

igual ca os cans de palleiro

podo seguir aparentando ante min mesma

igual que agora

por exemplo poreime ao outro lado da cama

para ser eu a única que falte

cando dea a volta e mire ao outro lado

 

 

 

© Leire Bilbao
© da tradución: Ricardo Pichel Gotérrez


www.susa-literatura.eus